Visita ao Aeroporto da Coruña

Visita ao Aeroporto da Coruña

O venres pasado, o alumnado de primeiro e segundo de Primaria tivo a oportunidade de coñecer as instalacións e o funcionamento do Aeroporto da Coruña.

Durante a visita, tivemos a ocasión de descubrir moitos aspectos interesantes. Un dos momentos máis sorprendentes foi aprender sobre os falcóns e o seu papel no aeroporto. Tamén subimos ao helicóptero de Salvamento Marítimo, quedando impresionados polo seu tamaño e o avanzado equipamento. Non foi menos cando puidemos ver o camión dos bombeiros, as súas luces, sirenas e os impresionantes chorros de auga que utilizan nas súa intervencións.

A relevancia deste tipo de instalacións víase claramente correspondida na implicación e profesionalidade do persoal que nos acompañou. A nosa guía, Irene, o “falconeiro”, os bombeiros e os membros de Salvamento Marítimo foron persoas amables, pacientes e moi didácticas. Explicáronnos detalladamente os seus equipos, as súas funcións e os seus procedementos de traballo, facendo que todo o proceso fose ameno, entretido e educativo.

Dende o Colexio Jorge Juan, queremos agradecer a súa implicación e dedicación, que fixeron desta xornada unha experiencia inesquecible para todos nós.

En resumo, foi un día fantástico cheo de aprendizaxes e momentos inesquecibles.