Día Internacional do Libro

O 23 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro, unha data pensada para poñer en valor a lectura como ferramenta de aprendizaxe, imaxinación e liberdade. A escolla deste día non é casual: coincide co falecemento de dous grandes nomes da literatura universal, Miguel de Cervantes e William Shakespeare, en 1616. Esta coincidencia simbólica serviulle á UNESCO para proclamalo como unha xornada dedicada a homenaxear o libro e os seus autores, fomentando entre a rapazada, o gusto pola lectura.
Na Jorge Juan de Perlío quixemos vivir esta data con entusiasmo, convertendo a lectura nun acto compartido, creativo e moi especial.
Apadriñamento lector: lendo xuntos
Unha das actividades centrais foi o apadriñamento lector, unha experiencia que uniu alumnado de diferentes idades arredor dos libros. Os nenos e nenas de cursos superiores fixéronse padriños e madriñas lectoras dos máis pequenos e pequenas, compartindo con eles lecturas escollidas especialmente para a ocasión. A preparación comezou xa días antes, cando o alumnado maior acudiu á biblioteca do centro para facer unha coidada selección de títulos que consideraron axeitados para os seus compañeiros máis novos.
A actividade desenvolveuse no salón de actos e na parte cuberta do patio, espazos que se encheron de palabras, risas e moita complicidade. Foi unha maneira fermosa de crear vínculos a través da lectura e de poñer en valor o papel do alumnado como referente positivo dentro da comunidade escolar.
Obradoiros e creatividade nas aulas
Ao longo da xornada, tamén se levaron a cabo diferentes obradoiros nas aulas, adaptados a cada nivel educativo:
- En 5.º e 6.º de Primaria, o alumnado participou nun obradoiro de escritura creativa, no que deron renda solta á súa imaxinación para crear contos, poemas ou pequenos textos orixinais.
- No 1.º e 2.º ciclo de Primaria, os rapaces e rapazas elaboraron marcapáxinas personalizados, combinando deseño, mensaxes lectoras e moita creatividade.
Estas actividades permitiron traballar a lectura e a escrita dun xeito lúdico e significativo, fomentando non só a competencia lingüística, senón tamén a sensibilidade artística e a expresión persoal.
Foi unha xornada chea de momentos especiais, onde o libro foi o auténtico protagonista. Dende o colexio Jorge Juan queremos agradecer a implicación de todo o profesorado e do alumnado, e lembrar que cada día pode ser unha boa ocasión para mergullarse nun libro.
Deixámosvoas aquí un par de imaxes, pero poderedes ver moitas máis se nos seguides na redes sociais: https://www.instagram.com/cprjorgejuanperlio/